Saturday 04 de May de 2024

Remata o obradoiro de emprego de Boiro coa entrega de diplomas aos 15 alumnos-traballadores que se formaron en actividades en viveiros, xardíns e centros de xardinería


O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañou ao alcalde da localidade, Juan José Dieste, no acto de clausura do ciclo formativo

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiu ao acto de clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego Boiro Emprega-Escola Obradoiro Xardíns de Boiro II, acompañado polo alcalde, Juan José Dieste. Organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración co concello, o obradoiro conxunto formou, durante os últimos seis meses, a 15 alumnos-traballadores, baixo a tutela de cinco profesionais que desenvolveron a súa actividade como directora, tres mestres e unha auxiliar administrativa. Todos eles son os encargados de desenvolver, ao deste período, o acondicionamento de diversas zonas do municipios. Con este fin a Xunta achegou máis de 130.000 euros

O proxecto formativo Boiro Emprega-Escola Obradoiro Xardíns de Boiro II levou a cabo diversas actuacións de acondicionamento e mantemento nas especialidade de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. En concreto, os participantes no curso realizaron intervencións de xardinería nas rotondas de acceso ao casco urbano, na conexión coa Autovía do Barbanza e nas zonas verdes e a pista polideportiva da parroquia de Lampón (Escarabote). Tamén acometeron o mantemento dos elementos vexetais dos parques de Praia Xardín, dos Muíños de Goiás, das avenidas de Barraña e Saltiño, e da parroquia do Castro, en Cabo de Cruz.

Rodeiro destacou estes programas de formación e emprego porque “aportan unha formación eminentemente práctica” ao tempo que son “unha oportunidade para as persoas que se atopan nunha situación de desemprego”. Con estes obradoiros a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas con dificultades para o acceso ao mercado de traballo. Hoxe mesmo, os participantes recibiron un diploma que acredita tanto a experiencia formativa como a actividade laboral desenvolvida polos alumnos.

O delegado territorial lembrou que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou onte a aprobación das axudas para formación de desempregados en empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos. Este programa “contará cunha dotación de 48 millóns de euros para poñer en marcha 750 cursos para 11.250 persoas”, lembrou Rodeiro. Esta cantidade inclúe ademais os fondos para as bolsas dos asistentes aos cursos.

A nova programación de cursos contempla, entre outras novidades, o aumento da ponderación dos cursos con maior inserción laboral; a reserva dun 10% do orzamento para a formación en competencias clave para persoas sen estudos básicos; anticipos de ata o 60% da subvención; a incorporación de medios electrónicos á tramitación das axudas e a ampliación da súa duración ata un máximo de 12 meses, o que permitirá ofrecer unha formación máis completa. Isto é posible grazas a que o período de execución das axudas se amplía a dous exercicios, polo que os cursos non quedarán limitados á segunda metade do ano.

A formación en entidades, empresas e concellos complementa aos outros dous programas de formación para emprego. Por unha banda están os cursos que, por primeira vez, se ofertan en institutos e centros de FP, con ata 3.200 novas prazas a través do programa Cualifica FP. Pola outra, os cursos que ofrecen os 12 centros de formación da Consellería de Economía e Industria. En total, a Xunta oferta 1.035 cursos con 15.500 prazas, nos que inviste 61 millóns de euros.

Ovidio Rodeiro aproveitou a visita para destacar o “compromiso claro de colaboración institucional da Xunta cos concellos para traballar na creación de postos de traballo no futuro”. Os obradoiros de emprego, aos que o ano pasado se destinaron 20,5 millóns de euros, teñen por obxecto mellorar a ocupabilidade dos desempregados mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral ou social que lles posibilite a realización dun traballo.